Un proxecto para coñecer o territorio
do GOLFO ÁRTABRO NORTE

Novas > Realización de curtametraxes

Máis de duascentas persoas reúnense no Jofre para a estrea das curtametraxes de Vidas Mariñeiras

Estudantes de Ferrol, Pontedeume, Narón, Ares e Mugardos presentaron as pezas que crearon ó longo do primeiro trimestre de curso coa colaboración da veciñanza e do sector pesqueiro das súas vilas. As seis curtas recibiron o aplauso do público e a felicitación do GALP e da Xunta.

O pasado 19 de decembro foi unha xornada cargada de emoción nas butacas do Teatro Jofre de Ferrol. Alí se reuniron máis de duascentas persoas das comunidades educativas, do sector pesqueiro e dos gobernos municipais de Ares, Mugardos, Pontedeume, Ferrol e Narón para ver o resultado dos traballos da rapazada que durante tres meses realizara unha curtametraxe para recoller a súa particular mirada sobre o mundo do mar. A edición 2019 de Vidas Mariñeiras chegaba ó seu fin e había que celebralo en pantalla grande.

A xornada comezou coa proxección dun vídeo sobre a acción do GALP Golfo Ártabro Norte, promotor da iniciativa; despois amosouse un álbum dixital con fotografías antigas do territorio que foron recollidas durante esta edición de Vidas Mariñeiras; e finalmente chegou o momento da gran estrea. Dous representantes de cada centro subiron ó escenario para presentar a súa curtametraxe. Abriu a sesión o CPI As Mirandas, de Ares, que presentou a peza «O camiño das Mirandas». Seguiulle «La General», unha curta sobre un naufraxio realizado polo IES Ferrol Vello. O furtivismo foi o tema escollido polo IES Terra de Trasancos de Narón, que proxectou a súa curta «Vida Furtiva». Tras eles, foi o turno de novo do IES Ferrol Vello con «Luces na costa». A quinta peza proxectada foi a do IES Mugardos, con «Genoveva é nome de barco». Pechou o evento a curta «Herdeira», do IES Breamo de Pontedeume.

As seis pezas audiovisuais recibiron os aplausos do público e o recoñecemento da Xunta Directiva do GALP representada no escenario polo seu presidente, José Manuel Fernández Lage quen felicitou ós participantes polo esforzo e achegamento ó mundo do mar. Tamén recibiron os parabéns da Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Conselelría do Mar, Susana Rodríguez Carballo, quen estivo presnete durante as proxeccións e augurou vocacións audiovisuais e mariñeiras entre os participantes. A entrega de diplomas e a foto de familia pecharon o acto e esta edición 2019 de Vidas Mariñeiras.

Estreamos as seis curtas da edición 2019 de Vidas Mariñeiras cun evento no Teatro Jofre de Ferrol

Durante máis de dous meses, preto de cen estudantes desenvolveron unha creación audiovisual dentro do programa VIDAS MARIÑEIRAS, promovido polo Grupo de Acción Local Pesqueira Golfo Ártabro Norte. Na súa terceira edición, foron cinco os centros que participaron desta formación […]
Ler máis

Vidas Mariñeiras convírtese nun proxecto de divulgación dos recursos pesqueiros, educativos e sociais do Golfo Ártabro Norte

O programa VIDAS MARIÑEIRAS naceu como unha experiencia educativa baseada no audiovisual e coa que durante tres anos, centros educativos da zona fixeron curtametraxes inspiradas no mundo do mar. Neste 2020, o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro do […]
Ler máis