Un proxecto para coñecer o territorio
do GOLFO ÁRTABRO NORTE

Didácticas > Sociedade

Consumo responsable do mar

Os galegos estamos á cabeza en consumo de peixe e marisco en España con case 30 quilos de media por persoa ao ano. Un dato que encaixa con que tamén encabecemos as vendas internacionais de peixe e conservas. Os dez pescados máis consumidos son, por orde, a pescada, o  atún, o bonito, a sardiña, o xurelo, o linguado, a cabala, o  sargo, o salmón e a robaliza.

Hoxe en día parece que todos deben estar dispoñibles todo o ano, pero para realizar un consumo sostible é importante comer peixe de proximidade e respectar a súa temporalidade, de maneira que evitemos unha sobreexplotación e podamos seguir gozándoos no futuro, como esta caldeirada de escacho.

Se gardamos os tempos dos ciclos biolóxicos dos peixes, tamén conseguiremos produtos de maior calidade: que unha especie alcance o seu momento óptimo de consumo significa que a súa carne estará máis saborosa e a súa textura, idónea para cociñarse. Por exemplo, debe evitarse capturar polbo ao redor dos meses de maio e xuño. Outro produto do mar de proximidade é a nécora, que só pode capturarse de xullo a decembro. A veda da centola (vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=hCcLiTtH_Bk) vai de xuño a novembro. Cada época ten o seu produto do mar e, en moitas ocasións, cada rexión unha receita única. Como ocorre co polbo á mugardesa.

Actividades

1. Ás veces falamos de marisco en xeral sen ter moi claro ao que nos estamos referindo. O marisco en realidade son todos os animais mariños, invertebrados e comestibles. Clasifícanse en crustáceos, moluscos e equinodermos. Tenta clasificar neses tres apartados os seguintes mariscos galegos: percebe, ourizo, longueirón, boi, navalla, ostra, centola, nécora, ameixa, santiaguiño, berberecho e vieira.

2. Esta é unha lista dos peixes e mariscos de tempada por meses. Escolle o que máis che guste do mes en que naciches e busca outros produtos, de tempada tamén, que poidan acompañalo para realizar unha rica receita. Podes axudarte da web Soy temporada para atopalos.

  • Xaneiro: choco, ourizo, longueirón e boi
  • Febreiro: navalla, ostra e centola
  • Marzo: faneca, lirio, pescada, rei e serrano cabra
  • Abril: linguado, maragota, peixe sapo e serrano común
  • Maio: xurelo, bocarte, rapante e solla
  • Xuño: sardiña, congro, salmonete e cabala
  • Xullo: ollomol, lumbrigante e pancho bicudo
  • Agosto: rodaballo e sanmartiño
  • Setembro: nécora e bonito do norte
  • Outubro: polbo, ameixa babosa, ameixa fina, santiaguiño e berberecho
  • Novembro: ameixa loura, ameixa xaponesa, dourada e robaliza
  • Decembro: cadelucha, vieira, raia e sargo

Os plásticos no mar

Hai plástico por todos lados, desde o Ártico ata a Antártida, mesmo no noso intestino, ata onde chegan os microplásticos Calquera praia galega contén lixo orixinado en polo menos dez países diferentes, e case todo é plástico. O principal problema […]
Ler máis

Roteiro de Ares a Chanteiro

A paisaxe ten lecturas, dende o punto de vista da bioloxía, a xeoloxía e tamén a narración. Entre as vilas de Ares e Chanteiro hai un sendeiro que percorre a costa e que pasa polas Illas das Mirandas. Un sendeiro […]
Ler máis