Un proxecto para coñecer o territorio
do GOLFO ÁRTABRO NORTE

Didácticas > Natureza

Animais mariños extraordinarios

Estamos familiarizados con eles, pero a anguía ou o percebe, son animais mariños moi peculiares

O 70 % da Terra está cuberta por auga, na súa inmensa maioría salgada, conformando océanos e mares, polo que supón o hábitat máis extenso que coñecemos. Mentres que a exploración da biodiversidade terrestre case non garda sorpresas, a dos ecosistemas mariños esconde aínda moitos seres fascinantes. Algúns xa os coñecemos, e podemos atopalos nas nosas costas: a anguía, o percebe, a centola, o cogombro de mar, o polbo… Mesmo nos resultan cotiáns, pero un coñecemento máis profundo transfórmaos en animais extraordinarios.

A anguía europea

No caso da anguía europea, o seu nacemento estivo envolto no misterio e a lenda durante séculos. Na antiga Grecia pensaban que xurdía do barro ou da  mucosa que desprenden os individuos adultos. A realidade comezou a coñecerse a principios do século  XX, cando descubrimos que a anguía que vive nos ríos e as rías galegas viaxa ata o mar dos Sargazos para reproducirse. Despois, as súas crías, as angulas, retornan para converterse aquí en novos adultos. En total, precisan dun cuarto da circunferencia terrestre de espazo e anos de tempo para completar un ciclo biolóxico sorprendente.

O percebe

O exquisito percebe ten unha interesante capacidade reprodutiva a pesar de vivir ancorado a unha roca. Presenta un pene máis longo que o seu propio corpo para poder  alcanzar e  copular con outros percebes, o que o converte no animal co pene máis longo. Ademais, o seu tamaño varía en función da zona na que viva o percebe. Por exemplo, se vive en augas moi axitadas, adoitan telo algo máis curto, para evitar que as ondas o rompan. 

O cogombro de mar

Outro animal singular é o cogombro de mar, tamén coñecido como holoturia. A súa curiosa estratexia para confundir depredadores consiste en expulsar a través do seu ano unha rede de filamentos moi pegañentos, que unha vez fóra do animal poden alcanzar unha lonxitude vinte veces maior á orixinal, provocando que os seus depredadores queden atrapados. Estes  filamentos están unidos ao sistema respiratorio da  holoturia, e unha vez que os expulsou é capaz de rexeneralos nun proceso que dura varias semanas. 

Actividades para o aula

Algunha vez vos parastes a pensar en toda a variedade de seres vivos que podemos atopar nas nosas costas? Facede unha lista con todos os que se vos ocorran, coñezades ou virades, averiguando o seu nome se non o sabedes. Para iso podedes axudarvos de aplicacións de identifiación de prantas e animais como PlantNet. Despois clasificádeos con criterios biolóxicos como:

  • ALGAS
  • PLANTAS
  • INVERTEBRADOS
  • PECES
  • AVES

A chamada Lista Vermella de Especies Ameazadas de UICN é un inventario mundial que alerta sobre o estado da biodiversidade na Terra. Buscade na lista os seres vivos que identificastes entre todo o aula para comprobar se algún está ameazado de extinción. Primeiro, deberedes pescudar o nome científico, xa que buscar polo o seu nome común é moi complicado, xa que en cada idioma ou lugar recibe un nome diferente. Con todo, o nome científico é sempre o mesmo en todas partes, por exemplo, o da anguía é Anguilla anguilla.

3. A  oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño (1916-2005), precursora da investigación oceanográfica a nivel mundial, escribiu en 1951 un libro dedicado en exclusiva á anguía, co título «Anguilas y angulas. Biología, pesca y consumo», no que describía como o sangue da anguía é un potente veleno, similar ao das víboras, pero que non ten ningún risco cando se come, xa que se destrúe coa calor do cociñado e cos mollos  gástricos.

Nesta publicación do CSIC podedes atopar unha descrición detalla sobre a anguía. Por grupos, escollede algún dos seus apartados («Depredadores», «Estrutura de poboacións», «Distribución xeográfica»,…) e compartide cos demais o máis rechamante que descubrades sobre este sorprendente animal.

As artes de pesca

As artes de pesca son as técnicas que foron desenvolvidas polos pescadores e mariscadores para extraer os alimentos que nos proporciona o mar, os ríos e os lagos. Xeralmente, cada arte de pesca xurdiu da necesidade de pescar (ou mariscar) […]
Ler máis

A romanización dos ártabros

As condicións naturais do Golfo Ártabro favoreceron dende sempre as actividades pesqueiras e comerciais da rexión. Partindo do exemplo do Museo de Caldoval e a súa Villa a mare, analizamos a importancia destas actividades dende tempos romanos. O Golfo Ártabro […]
Ler máis