Desde a invención do cinematógrafo, a sétima arte manifestouse como unha ferramenta privilexiada para documentar e dar a coñecer a diversidade da nosa sociedade e os nosos moi variados modos de existencia. Aínda hoxe é evidente o potencial da imaxe en movemento para dar conta do que facemos ou pensamos, das arelas e conflitos que atravesan calquera comunidade humana e de como estas poden achegarse ao mundo a través do cinema e a súa capacidade para fabular e, simultaneamente, rexistrar o real que nos rodea.

Que é Vidas mariñeiras?

É un programa pedagóxico que ofrece ao alumnado de secundaria e bacharelato unha base teórico-práctica e unha formación en técnicas audiovisuais destinada á posta en valor dos oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa do Golfo Ártabro Norte.

Articulado a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte, o programa contempla a selección, titorización e desenvolvemento de varios proxectos cinematográficos que darán como resultado unha serie de filmes representativos da vida e paisaxe na costa ártabra, nomeadamente a partir do retrato dos oficios vinculados ao traballo no mar.

Que busca?

  • A posta en valor do patrimonio material e inmaterial do Golfo Ártabro, a partir do rexistro de accións e actividades das persoas que habitan a zona, da súa paisaxe, da súa actividade produtiva, etc.
  • Dotar ao alumnado dunha formación práctica e teórica básica que lle permita desenvolver con autonomía todas as fases de produción dun filme con ferramentas accesibles, desde a premisa de que o pensamento cinematográfico non precisa de grandes medios para concretarse nun filme.
  • Creación de grupos de traballo estables que dean continuidade ao programa e poidan asumir posteriormente encargas semellantes do GALP que supoñan un retorno á sociedade na que se insiren.
  • Fomento do traballo en equipo nunha disciplina cun gran potencial para desenvolver hábitos colaborativos no ámbito da creación artística.
  • Vinculación e reflexión sobre o territorio, co obxectivo de detectar e desenvolver cuestións, preocupacións, reivindicacións e valores comúns a todo o litoral.
  • No transcurso do programa o fomento da igualdade de xénero incorporarase de xeito transversal buscando a sensibilización sobre as desigualdades e o potenciamento do desenvolvemento integral do alumnado.

A quen se dirixe?

O programa Vidas mariñeiras está dirixido ao alumnado de 3º e 4º da E.S.O e 1º de Bacharelato dos centros de ensino da contorna do GALP Golfo Ártabro Norte (concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Pademe e Pontedeume).

Como se artella?

A través dun concurso de ideas, rexido polas bases accesibles en vidasmarineiras.gal/bases, que permite a presentación de proxectos por grupos de entre 5 e 15 alumnos. O prazo límite de presentación da documentación requirida para participar é o luns 9 de outubro ás 12:00.

Os proxectos mellor valorados participarán da seguinte fase do programa, onde os grupos recibirán unha formación personalizada e poderán desenvolver a rodaxe e edición das súas pezas audiovisuais. Unha vez estean rematadas organizaranse como mínimo dúas proxeccións públicas en salas da zona.

Como se dará a coñecer o programa?

Realizaranse xornadas informativas nos centros educativos que o soliciten ao comezo do curso lectivo. O obxectivo: explicar polo miúdo o programa e as bases do concurso, resolver dúbidas e animar á participación entre o alumnado.

En outubro de 2017 haberá un primeiro encontro con todos os grupos seleccionados para tratar a metodoloxía e o cronograma de traballo. Completarase a sesión cunha breve introdución teórica a diversos modelos cinematográficos e ferramentas de traballo (desde a captación até a edición).

Entre outubro e decembro de 2017 desenvolverase a formación teórica, gravación, edición e posprodución. En total, serán 24 sesións de formación e titorización repartidas entre os grupos de traballo que cumprirán as seguintes etapas:

  • Formación teórica: visualización de fragmentos de filmes e reflexión sobre as súas solucións formais. Cada grupo disporá dun amplo repertorio previo de referentes técnicos e temáticos para afrontar e resolver cada proxecto.
  • Bosquexo dunha escaleta de produción, supervisada e corrixida polo formador até acadar un esquema de traballo viable que responda ás intencións dos seus autores/as.
  • Gravación dos planos e secuencias necesarias para a realización de cada filme. Esta fase de gravación estará directamente supervisada polo formador e o alumnado poderá contar, se así o desexa, cunha cámara e micrófonos profesionais.
  • Formación práctica en editores de vídeo e audio.
  • Edición do primeiro corte. Cada grupo traballará durante unha semana nunha primeira montaxe que será revisada e debatida en conxunto para solventar e mellorar a estrutura do filme.
  • Presentación da edición definitiva.
  • Posprodución básica. Durante unha xornada, o formador realizará un traballo máis especializado de correción de cor e son de cada proxecto, co dobre obxectivo de preparar os filmes para a súa exhibición e ao mesmo tempo introducir ao alumnado nalgunhas das ferramentas profesionais de edición e posprodución de vídeo máis comúns.

Os filmes resultantes do programa de formación serán presentados polos seus autores e autoras, e exhibidos publicamente nunha sala ou auditorio. Posteriormente, os traballos serán publicados en aberto na web de Vidas mariñeiras.