Alumnas e alumnos dos IES de Canido (Ferrol), Breamo (Pontedeume), Monte Castelo (Burela) e Foz, comezarán esta semana a formarse nos principios básicos do audiovisual e a desenvolver os seus proxectos dentro do programa "Vidas Mariñeiras" para o curso 2018-2019. 

Rematado o prazo para presentar ideas relacionadas coa vida e a paisaxe na costa ou que teñan como punto de partida o retrato dos oficios vinculados ao mar, o equipo técnico de "Vidas Mariñeiras" decidiu escoller varios centros da zona do Ártabro Norte e de A Mariña-Ortegal. Os finalistas do programa, que se beneficiarán dun programa pedagóxico que os levará a desenvolver os seus proxectos cinematográficos (curtametraxes) baixo a titorización de profesionais do audiovisual, son os que seguen:

-IES Canido (Ferrol): Alumnado de 2º e 3º da ESO cun proxecto cuxo título provisional é “Actuación urxente”. A partir de testemuños de pescadores/as, mariscadores/as e a veciñanza do barrio de Caranza, reflexionarase sobre a concienciación e os efectos da contaminación da ría de Ferrol. Tamén tratará o proceso de depuración da propia ría.

-IES Breamo (Pontedeume): Alumnado de 4º da ESO cun proxecto baixo o título provisional de “Antigos labores no peirao”, arredor dos antigos traballos e oficios do porto e muelle de Pontedeume e a súa memoria.

-IES de Foz: Alumnado de 3º da ESO e 1º de Bacharelato cun proxecto que leva o título provisional de “Os pés na auga, mans salgadas de muller” sobre a fala dos mariñeiros e mariñeiras, que inspirou a escritores como Luisa Castro ou Manuel María e sobre os oficios vinculados ao mar, nos que a muller ten un papel fundamental.

-IES Monte Castelo (Burela): Alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, co proxecto “Un mar distinto” (título provisional) reflexionará sobre a vida no mar e o que significa vivir del, pero tamén como é velo por primeira vez. Como é vivir nun lugar onde o mar está sempre presente e de que xeito se diferencia coa vida no interior?