As curtametraxes de Vidas Mariñeiras están xa dispoñibles para ver en liña na web de Vidas mariñeiras. Son o resultado do traballo realizado polo alumnado dos centros públicos CPI As Mirandas (Ares), CPI A Xunqueira (Fene) e IES Breamo (Pontedeume), entre outubro e decembro de 2017 durante a primeira edición do programa.

Entre o río e o mar (alumnado de 3º da ESO do IES Breamo, Pontedeume), De corazón, mariñeiro (alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI A Xunqueira, Fene) e Marea de mulleres (alumnado de 4º da ESO do CPI As Mirandas, Ares) son o resultado dun intenso traballo formativo realizado entre os meses de outubro e decembro, e foron estreadas publicamente o pasado 21 de decembro nos Cines Dúplex de Ferrol. A partir de hoxe, pódense ver tamén na web que recolle as bases do concurso e do programa formativo, na seguinte ligazón: http://vidasmarineiras.gal/peliculas

Pero para gozalas en pantalla grande, o vindeiro sábado 13 de xaneiro ás 18:00 o equipo técnico de Vidas Mariñeiras e boa parte da equipa responsable de cada curtametraxe achegarase ao Centro Galego das Artes da Imaxe (Rúa Durán Loriga 10, A Coruña) para presentar os seus traballos e compartir impresións co público. A sesión é aberta e de balde.