Rematado o período de formación e gravación dos traballos audiovisuais arredor da vida e dos oficios relacionados co medio mariño, que comezara o pasado mes outubro, o alumnado de 3º e 4º da ESO do IES Breamo e dos CPI A Xunqueira e As Mirandas, os tres da costa do Golfo Ártabro Norte, presentou as proxeccións no Cine Duplex de Ferrol. 

Cunha sala ateigada de xente, o Cine Duplex de Ferrol acollía na noite do xoves 21 de decembro a estrea das tres curtametraxes de Vidas Mariñeiras. Alumnado e profesorado dos tres centros participantes do programa Vidas Mariñeiras, pais e nais, protagonistas das curtametraxes, o equipo do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte, técnicos e políticos dos concellos da contorna e traballadores da cooperativa NUMAX (responsables da formación de Vidas Mariñeiras): ninguén quixo perderse ver en pantalla grande o resultado final de tres meses de formación para facer un filme: desde a escaleta primeira ata a montaxe final.

As obras do alumnado de 3º e 4º da ESO do IES Breamo (Pontedeume), do CPI A Xunqueira (Fene), e do CPI As Mirandas (Ares), baixo os títulos Entre o río e o mar, De corazón mariñeiro e Marea de mulleres, recibiron os emotivos aplausos dun público entregado e orgulloso de que a xente máis nova amose e poña en valor con estes traballos os oficios tradicionais de homes e mulleres e a riqueza mariñeira da costa do Golfo Ártabro Norte ao tempo que recibe unha base teórica e práctica en formación audiovisual. Tras as intervencións da presidenta do GALP, María José Crespo Fraga, Patroa Maior da Confraría de Miño, e de Marcos Flórez, formador e cineasta, un representante de cada equipo presentou o seu filme e explicou o que intentaba achegar con elas.

A filmoteca galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), na Coruña, proxectará o sábado 13 de xaneiro ás 18:00 de novo as tres curtametraxes.