Os Cines Duplex de Ferrol acollen o xoves 21 de decembro a presentación dos traballos audiovisuais feitos por alumnado de 3º e 4º da ESO, dentro do programa Vidas Mariñeiras que desenvolve o GALP Golfo Ártabro Norte

Alumnado de 3º e 4º da ESO dos CPIs As Mirandas, de Ares, e A Xunqueira, de Fene, e de 3º da ESO do IES Breamo, de Pontedeume, rematan estes días a montaxe das súas pezas audiovisuais, que serán estreadas o próximo xoves, 21 de decembro, ás 20:15, nos Cines Duplex de Ferrol, con entrada aberta e gratuíta. Tamén a filmoteca galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), na Coruña, acollerá a proxección das curtametraxes o vindeiro 13 de xaneiro.

Desde novembro, e co acompañamento e a formación dos cineastas Xacio Baños, Marcos Flórez e Pablo Cayuela, de NUMAX, unhas 35 rapazas e rapaces traballan na elaboración de tres curtametraxes seleccionadas polo equipo técnico para ser levadas á gran pantalla grazas ao programa pedagóxico Vidas Mariñeiras que desenvolve o Grupo de Acción Local Pesqueira do Golfo Ártabro Norte. O obxectivo do programa é dobre: poñer en valor os oficios tradicionais e as paisaxes mariñeiras do litoral do Golfo Ártabro Norte, ao tempo que o alumnado recibe unha formación teórico práctica en técnicas audiovisuais.

Marea de mulleres é un retrato colectivo das mulleres de Ares que traballaban na salgadura con entrevistas ás protagonistas, que recordan como era seu oficio e as súas condicións laborais, a súa vida cotiá e arelas: será a peza que estree o alumnado do CPI As Mirandas o vindeiro xoves de Nadal. A Estación Marítima Biolóxica de A Graña, moi preto de Ferrol, é o centro do traballo De corazón, mariñeiro do alumnado do CPI A Xunqueira, nunha peza que amosará tamén a ría de Ferrol desde a superficie e debaixo da auga, xunto con material de arquivo de exploracións submariñas e imaxes microscópicas. Por último, a mocidade do IES Breamo escolleu para a curtametraxe Entre o río e o mar o porto de Pontedeume e os oficios das xentes da zona no lugar onde se xuntan as augas do río Eume e do mar.