A páxina web incluirá novos apartados, incluindo un mapa con contidos xeorreferenciados para difundir os valores da zona e unidades didácticas para que os centros educativos empreguen o seu entorno máis próximo.

 

O programa VIDAS MARIÑEIRAS naceu como unha experiencia educativa baseada no audiovisual e coa que durante tres anos, centros educativos da zona fixeron curtametraxes inspiradas no mundo do mar. Neste 2020, o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro do Golfo Ártabro Norte aposta por poñer en valor ese traballo e amplialo con novos contidos.

Así, no mes de novembro de 2020 porase en marcha unha campaña de comunicación combinada de promoción e divulgación do presente e futuro da actividade pesqueira. A intención é crear un relato en positivo arredor do sector e do entorno mariñeiro apoiándonos na súa historia, paisaxes e protagonistas. Buscamos con isto crear novos recursos comunicativos para tender pontes entre a sociedade e o sector pesqueiro en toda a súa dimensión: económica, paisaxística, cultural, gastronómica, antropolóxica, social, etcétera. 

Como imos facelo? Con vídeos, fotografías históricas, unidades didácticas para os centros educativos e un mapa interactivo no que se reúnan todos estes contidos. Terá tres enfoques básicos: o gastronómico co lema CONSUME O NOSO MAR, presentando o peixe e o marisco como un elemento cultural; o educativo co lema APRENDE CO NOSO MAR, co entorno e a actividade pesqueira como fonte de coñecemento; e o divulgativo co lema DESCUBRE O NOSO MAR, que agrupará tódolos contidos e recursos nun mapa interactivo que poderá ser consultado polo público.

Proxecto participativo

Neste momento o proxecto está en proceso de documentación e xeración de contidos e a intención deste VIDAS MARIÑEIRAS é que sexa o máis participativo posible, polo que mantén aberta a recollida de fotografías antigas iniciada no 2019. Tamén creará un formulario para enviar historias persoais ou propostas de contido, que de momento poden ser suxeridas a través das redes sociais e do correo electrónico info@vidasmarineiras.gal