Estudantes de Ferrol, Pontedeume, Narón, Ares e Mugardos presentaron as pezas que crearon ó longo do primeiro trimestre de curso coa colaboración da veciñanza e do sector pesqueiro das súas vilas. As seis curtas recibiron o aplauso do público e a felicitación do GALP e da Xunta.

O pasado 19 de decembro foi unha xornada cargada de emoción nas butacas do Teatro Jofre de Ferrol. Alí se reuniron máis de duascentas persoas das comunidades educativas, do sector pesqueiro e dos gobernos municipais de Ares, Mugardos, Pontedeume, Ferrol e Narón para ver o resultado dos traballos da rapazada que durante tres meses realizara unha curtametraxe para recoller a súa particular mirada sobre o mundo do mar. A edición 2019 de Vidas Mariñeiras chegaba ó seu fin e había que celebralo en pantalla grande.

A xornada comezou coa proxección dun vídeo sobre a acción do GALP Golfo Ártabro Norte, promotor da iniciativa; despois amosouse un álbum dixital con fotografías antigas do territorio que foron recollidas durante esta edición de Vidas Mariñeiras; e finalmente chegou o momento da gran estrea. Dous representantes de cada centro subiron ó escenario para presentar a súa curtametraxe. Abriu a sesión o CPI As Mirandas, de Ares, que presentou a peza «O camiño das Mirandas». Seguiulle «La General», unha curta sobre un naufraxio realizado polo IES Ferrol Vello. O furtivismo foi o tema escollido polo IES Terra de Trasancos de Narón, que proxectou a súa curta «Vida Furtiva». Tras eles, foi o turno de novo do IES Ferrol Vello con «Luces na costa». A quinta peza proxectada foi a do IES Mugardos, con «Genoveva é nome de barco». Pechou o evento a curta «Herdeira», do IES Breamo de Pontedeume.

As seis pezas audiovisuais recibiron os aplausos do público e o recoñecemento da Xunta Directiva do GALP representada no escenario polo seu presidente, José Manuel Fernández Lage quen felicitou ós participantes polo esforzo e achegamento ó mundo do mar. Tamén recibiron os parabéns da Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Conselelría do Mar, Susana Rodríguez Carballo, quen estivo presnete durante as proxeccións e augurou vocacións audiovisuais e mariñeiras entre os participantes. A entrega de diplomas e a foto de familia pecharon o acto e esta edición 2019 de Vidas Mariñeiras.