O CPI A Xunqueira (Fene), o CPI As Mirandas (Ares) e o IES Breamo (Pontedeume) son os tres centros de ensino público cuxos proxectos audiovisuais inaugurarán o programa formativo Vidas Mariñeiras 2017, que dá comezo este mesmo mes de outubro coordinado polo GALP Golfo Ártabro Norte.

En «De corazón, mariñeiro» atoparemos a Vituco, experimentado científico e submarinista que se considera a si mesmo un mariñeiro máis. Percorreremos o curso do Eume até a súa desembocadura no océano Atlántico, atentos a como as augas configuran a paisaxe e os nosos propios hábitos («Entre dúas augas: o Eume e o mar»). Haberá tempo tamén para a reflexión histórica sobre o rol das mulleres na vila mariñeira de Ares ao longo do século XX («Marea de mulleres»). Esta é unha pequena e suxerente mostra do que nos deparan os proxectos que veñen de presentar os alumnas e alumnas dos centros seleccionados para participar en Vidas Mariñeiras 2017, que entre os meses de outubro e decembro deste ano achegará ás aulas un programa de formación audiovisual que dará como resultado senllas curtametraxes realizadas polo alumnado.

O programa foi recibido con moito interese polos centros de ensino da contorna do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte, e moitos deles coordinaron grupos de alumnas e alumnos para presentar un proxecto ao concurso publicado nesta mesma web o pasado mes de setembro. Porén, nesta primeira edición os coordinadores do programa limitáronse a tres proxectos para garantir unha formación de calidade e personalizada de cada grupo participante.

O alumnado recibirá unha formación práctica e teórica básica que lle permitirá desenvolver con autonomía todas as fases de produción dun filme, desde a primeira escaleta até as correccións de cor e masterizado das pezas resultantes. Estas tres curtametraxes, ademais, poderán verse no mes de decembro nun pase aberto ao público nos Cines Duplex de Ferrol, e xa en xaneiro de 2018 na filmoteca galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI, A Coruña).