Preto de cen estudantes de Pontedeume, Ares, Mugardos, Narón e Ferrol comezan a gravación das historias que idearon no obradoiro de audiovisual durante o mes de outubro. A primeira rodaxe foi en Mugardos, cun coloquio que será o fío condutor da peza.

 

As luces da costa identificadas nunha taberna e nun faro; o relevo xeracional na baixura; a inspiración nas lendas e na tradición mariñeira; o marisqueo como forma de vida; o pasado mariñeiro desdibuxado… Estos son os temas ideados pola rapazada participante na terceira edición de VIDAS MARIÑEIRAS, o programa de formación audiovisual do GALP Golfo Ártabro Norte. En total serán seis curtametraxes que mesturarán documental, ficción e propostas máis experimentais como parte dunha experiencia educativa que pretende achegar os máis novos ó mar. 

Os centros participantes son CPI As Mirandas de Ares, IES Breamo de Pontedeume, IES Mugardos, IES Ferrol Vello e IES Terra de Trasancos, de Narón, cun total de preto de cen alumnos e alumnas de entre 13 e 18 anos. Algunhas das pezas xa tiveron unha primeira xornada de rodaxe, se ben a maioría comezan a semana do 11 de novembro.