As curtas, realizadas durante os meses de outubro e novembro ofrecen a mirada da rapazada sobre o entorno mariñeiro de Pontedeume, Ares, Mugardos, Narón e Ferrol. Foron ideadas e gravadas polos estudantes, que tamén participaron da montaxe e inclúen ficción e documental. 

 

Durante máis de dous meses, preto de cen estudantes desenvolveron unha creación audiovisual dentro do programa VIDAS MARIÑEIRAS, promovido polo Grupo de Acción Local Pesqueira Golfo Ártabro Norte. Na súa terceira edición, foron cinco os centros que participaron desta formación que pretende achegar o mundo do mar á mocidade e xenerar contacto e diálogo entre os centros educativos e o seu entorno máis próximo.

O resultado son seis curtametraxes que mesturan ficción e documental e que ofrecen un retrato diverso e moi achegado á realidade e intereses dos estudantes. A estrea será este xoves 19 de decembro ás 18.00 horas no Tetaro Jofre de Ferrol. Ó evento acudirán membros das comunidades educativas de Ferrol, Mugardos, Pontedeume, Ares e Narón, na que agardamos que sexa unha xornada tamén de convivencia e celebración.Para asistir como público pódese reservar invitación no correo electrónico info@vidasmarineiras.gal. 

Estes son os centros participantes e os títulos das curtametraxes:

  • IES Mugardos, MUGARDOS: «Genoveva é nome de barco»
  • CPI As Mirandas, ARES: «Camiño das Mirandas»
  • IES Breamo, PONTEDEUME: «Herdeira»
  • IES Terra de Trasancos, NARÓN: «Vida furtiva»
  • IES Ferrol Vello, FERROL: «Luces na costa» e máis «La General»