O Teatro Jofre acolleu o martes 18 de novembro a estrea das curtametraxes de Vidas Mariñeiras, o programa formativo que por segundo ano promove o GALP Golfo Ártabro Norte entre os centros de ensino dos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume. As pezas poderanse ver nesta mesma web a partir de xaneiro de 2019.

As sesións de teoría e de práctica en guionización, dirección e realización dun filme que durante un par de meses o alumnado gañador do concurso de ideas remataban neste broche final por todo o alto, coa presencia dos protagonistas, colaboradores, cineastas, profesorado e socios do GALP Golfo Ártabro Norte.

Nesta segunda edición, as curtametraxes xiraban arredor da preocupación polo presente e o futuro dos nosos mares, denunciando a contaminación e preguntándose pola concienciación do ser humano aeste respecto.

O equipo que dirixiu e produciu "Abrir os ollos", que xa tiña participado o ano pasado, fixo este ano unha unha curta que "non é tan amable", segundo explicou Judith Miser, unha das cineastas de 4º da ESO do IES Breamo. "É algo que vivimos todos nós que é a contaminación, a nosa vila é moi bonita pero estamos empezando a destrozala", explicou Judith Miser. E é que Abrir os ollos é un filme documental que quere trasladar unha preocupación: a contaminación das augas e a contorna na desembocadura do río Eume.

O alumnado agradeceu tamén a compresión do profesorado á hora de poñer menos deberes durante o tempo que durou a formación, recordando que o ensino "non se basea só en facer exames e actividades coma esta son de moita axuda para a nosa creatividade".

"Atlántico de plástico", unha peza que fala da contaminación por microplásticos, parte dunha xornada de surf no corpo dunha das cineastas, Carmen, e contou coa colaboración do equipo científico da Estación biolóxica da Graña. Xiana do Teixeiro e Emilio Fonseca, docentes que impartiron a formación, lembraron tamén a relevante participación de Manuel en "Abrir os ollos", que fora presidente da Confraría de Pescadores de Pontedeume.

No acto participou a presidenta do GALP en funcións, María José Crespo.