Cineastas, protagonistas e veciñas e veciños da Mariña lucense encheron onte a sala 2 dos Cines Viveiro para ver as dúas cortametraxes realizadas polo alumnado dos IES de Foz e do Monte Castelo de Burela.

Quince rapazas e dous rapaces conformaban os grupos que dirixiron, baixo a coordinación do Laboratorio NUMAX e cos docentes Xurxo Ínsua e Marcos Flórez, "Mans salgadas", dous emocionantes retratos de veciñas e veciños de Foz falando dos oficios mariñeiros que foron o seu sustento, xunto a filmacións e fotografías de arquivo, e "Todos os días o mar", relato do día a día da tripulación actual do palangreiro de fondo Raúl Primero, no seu duro traballo no Gran Sol.

"Para os que traballamos no cine é moi emocionante acabar aquí, nos cines", dixo Marcos Flórez, docente e socio traballador de NUMAX, ao tempo que agradeceu a xenerosidade dos Cines Viveiro. Pola súa banda, o concelleiro do Mar de Viveiro, Jesús Fernández, animou a que o vindeiro ano esta vila participe no proxecto.

O alumnado dos IES de Foz e de Burela recibiu un diploma acreditativo desta formación en audiovisual que por primeira vez achegou unha base teórico práctica nesta materia.

No acto estiveron tamén presentes o xefe territorial da Consellería do Mar en Viveiro, Pablo Fernández Asensio e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.

Este é o primeiro ano que o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal promove “Vidas mariñeiras”, un proxecto dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato dos centros de ensino dos concellos de Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo. O obxectivo: proporcionar a formación suficiente para levar a cabo a guionización, dirección e realización dunha curtametraxe co apoio de persoal técnico profesional, e ao tempo poñer en valor os oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa da Mariña-Ortegal.