Mans salgadas e Todos os días o mar son os títulos das pezas documentais resultantes do programa “Vidas Mariñeiras”, un programa formativo en audiovisual coordinado polo GALP A Mariña-Ortegal e dirixido a alumnas e alumnos dos IES de Foz e do Monte Castelo de Burela. As curtametraxes proxectaranse este xoves 20 de decembro nos Cines Viveiro ás 18:30, con entrada libre ata completar aforo.

A relación de varias mulleres e homes de Foz co mar ao longo da súa vida e o día a día da tripulación a bordo do palangreiro Raúl Primero son os eixos temáticos sobre os que xiran as curtametraxes que se estrearán este xoves día 20 ás 18:30 nos Cines Viveiro. Este acto supón o broche final ao programa formativo “Vidas mariñeiras”. Alumnado de 3º da ESO e de 1º de Bacharelato do IES de Foz, e de 1º de Bacharelato do IES Monte Castelo de Burela foron os beneficiarios desta actividade formativa que lles achegou por primeira vez unha base teórico práctica en materia audiovisual.

Este é o primeiro ano que o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal promove “Vidas mariñeiras”, un proxecto dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato dos centros de ensino dos concellos de Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo. O obxectivo: proporcionar a formación suficiente para levar a cabo a guionización, dirección e realización dunha curtametraxe co apoio de persoal técnico profesional, e ao tempo poñer en valor os oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa da Mariña-Ortegal.

As obras que se presentan este martes partiron das ideas gañadoras do concurso fallado o pasado mes de outubro. Foron os alumnos e alumnas dos centros da zona quen presentaron, por grupos, presentaron o borrador do que acabaría sendo a súa primeira curtametraxe. Para desenvolver o programa contouse cos docentes e cineastas Xurxo Insua e Marcos Flórez, baixo a coordinación do Laboratorio NUMAX.

Mans salgadas é un filme realizado por alumnado de 3º da ESO e 1º de Bacharelato do IES de Foz. Nel, mulleres e homes falan da súa relación constante co mar a través dos recordos dos seus antigos oficios. Ademais, emocionantes filmacións e fotografías de arquivo, xunto con poemas de Luisa Castro e de Manuel María acompañan esta memoria de Foz.

Todos os días o mar foi dirixido por alumnado de 1º de Bacharelato do IES Monte Castelo de Burela. Trátase dun retrato do día a día da tripulación do palangreiro de fondo Raúl Primero no seu duro traballo, dedicado á pesca artesanal da pescada no Gran Sol: unha viaxe continua de ida e volta ao mar.