Abrir os ollos e Atlántico de plástico son os títulos das pezas documentais resultado do programa formativo en audiovisual “Vidas Mariñeiras” que recibiron durante un mes alumnas e alumnos da ESO dos IES Canido de Ferrol e Breamo de Pontedeume. As curtas estrearanse este martes 18 de decembro no Teatro Jofre, con entrada libre ata completar aforo.

A preocupación pola contaminación do río Eume e do mar Atlántico son os eixos centrais das dúas curtametraxes que se estrearán este martes, como broche final ao programa formativo “Vidas Mariñeiras”, do que durante os meses de novembro e decembro foi beneficiario alumnado de 4º da ESO do IES Breamo de Pontedeume e de 2º e 3º da ESO do IES Canido de Ferrol.

Este é o segundo ano consecutivo que o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte promove este programa pedagóxico no eido audiovisual dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato dos centros de ensino dos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume. O obxectivo: proporcionar a base teórico práctica e a formación en técnicas audiovisuais suficiente para levar a cabo a guionización, dirección e realización dunha curtametraxe co apoio de persoal técnico profesional, e ao tempo poñer en valor os oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa do Golfo Ártabro Norte.

As obras que se presentan este martes partiron das ideas gañadoras do concurso fallado en outubro no que participou o alumnado dos centros da zona. O programa contou cos docentes e cineastas Xiana do Teixeiro e Emilio Fonseca, baixo a coordinación do Laboratorio NUMAX.

Abrir os ollos
Dirección: Alumnado de 4º de ESO do IES Breamo de Pontedeume
Abrir os ollos é un filme documental que quere trasladar unha preocupación: a contaminación das augas e a contorna na desembocadura do río Eume. A través de testemuñas, reflexións e unha mirada ao pasado, o filme pregúntase polo noso lugar nun mundo que debería estar máis concienciado con este problema.

Atlántico de plástico
Dirección: Alumnado de 2º e 3º de ESO do IES Canido de Ferrol
Mesturando de forma valente diferentes narrativas cinematográficas (ficción, documental, ensaio), o filme Atlántico de plástico amosa unha rigorosa investigación realizada polas súas autoras sobre a contaminación que supoñen os microplásticos nas nosas praias e mares.