Os Duplex de Ferrol e o CGAI da Coruña proxectarán as curtas gañadoras de Vidas Mariñeiras 2017

Ata este luns 9 de outubro o alumnado de 3º ESO, 4º ESO e 1º Bacharelato dos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume poden presentar proxectos audiovisuais relacionados coa vida e a paisaxe da Costa Ártabra. As mellores ideas premiaranse cun programa formativo que rematará coa exhibición das pezas resultantes en dúas salas de cinema: os Duplex de Ferrol no mes de decembro, e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) da Coruña en xaneiro de 2018.

O obxectivo deste programa pedagóxico que coordina o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte é a posta en valor do patrimonio material e inmaterial desta área xeográfica a partir do rexistro fílmico de accións e actividades da poboación.

Partindo da premisa de que non se precisan grandes medios para a creación cinematográfica, o alumnado participante recibirá formación teórica e práctica básica por parte de profesionais especializados que lles ha permitir desenvolver todas as fases de produción dun filme. Os proxectos centraranse nos oficios tradicionais, as paisaxes, a cultura, a actividade produtiva e a vida mariñeira existente nestes concellos. Estímase que o programa formativo dure unhas 37 horas.