I CONCURSO DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS VIDAS MARIÑEIRAS

Convocatoria

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte convoca o I Concurso de Proxectos Audiovisuais Vidas mariñeiras, dirixido ao alumnado de 3º ESO, 4º ESO e 1º Bacharelato dos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume.

No marco das actividades que o GALP Golfo Ártabro Norte, a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), realiza para dinamizar e poñer en valor o litoral ártabro, o programa de formación audiovisual Vidas mariñeiras contempla a selección, titorización e desenvolvemento de varios proxectos cinematográficos que darán como resultado unha serie de filmes representativos da vida e paisaxe na costa ártabra, nomeadamente a partir do retrato dos oficios vinculados ao traballo no mar.

Con este obxecto convócase o I Concurso de Proxectos Audiovisuais Vidas mariñeiras, rexido polas seguintes bases e condicións.

Bases e condicións

1. PROGRAMA DE FORMACIÓN

Os proxectos seleccionados formarán parte do programa de formación audiovisual Vidas mariñeiras 2017. Ao longo das 8 semanas que dura o curso, entre outubro e decembro, o alumnado recibirá unha formación teórica e práctica gratuíta para producir o proxecto presentado. As participantes aprenderán sobre a historia do cinema ao tempo que desenvolven todos os procesos necesarios para organizar, rodar e editar os seus filmes, desde a escaleta de produción até os axustes finais de posprodución e masterización. O programa completo e calendario do curso é accesible en vidasmarineiras.gal/programa.pdf.

Ademais, durante o mes de decembro organizaranse como mínimo dúas proxeccións, en salas debidamente equipadas, onde se presentarán os traballos finais ao público.

Os filmes tamén serán subidos ao sitio web do programa, vidasmarineiras.gal.

2. PARTICIPANTES

Poderán participar alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO ou 1º de Bacharelato de calquera dos centros de ensino público dos concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Narón, Neda, Paderne e Pontedeume.

Cada proxecto deberá ser presentado por un grupo constituído por entre 5 e 15 persoas, non necesariamente do mesmo curso escolar nin do mesmo centro. Valorarase o equilibrio de xénero na conformación dos grupos, polo que se recomenda que a proporción dun xénero non sexa inferior a un 30% do total de membros.

3. CONSIDERACIÓNS PREVIAS

  1. Cada grupo participante poderá presentar un máximo de 2 proxectos.
  2. Cada grupo poderá contar cun/ha docente de apoio.
  3. O proxecto presentado deberá axustarse, polo menos parcialmente, a algún dos seguintes temas:
    • Oficios e técnicas tradicionais do mar
    • Paisaxe mariñeiro
    • Tradicións mariñeiras
    • Relatos do mar
    • Cultura e economía mariñeira
    • Estaleiros e pesca industrial en relación cos oficios tradicionais
  4. Os proxectos poderán ser ficcións, documentais ou de caracter experimental. Non é necesario que inclúan ou prevexan unha fase de rodaxe, pois son perfectamente admisibles aqueles articulados exclusivamente a partir de material de arquivo, mesmo do ámbito doméstico. Nese caso as 2 xornadas previstas de gravación substituiríanse por outras 2 de edición.
  5. Cada participante do grupo inscrito deberá dispoñer de aproximadamente 3 horas á semana (repartidas en 2 ou 3 sesións) durante as 8 semanas que dura a formación e produción das pezas (ver calendario en vidasmarineiras.gal/programa.pdf). Con todo, traballarase previamente con cada grupo o horario máis acaído para todas as partes implicadas (centro, docentes e alumnado).

4. DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA

A inscrición de cada grupo realizarase a través do formulario normalizado accesible en vidasmarineiras.gal/formulario.pdf, onde se fará constar:

  • Nome, apelidos e centro ao que pertence cada membro do grupo
  • Nome, apelidos e centro ao que pertence o docente ao cargo (opcional)
  • Teléfono e correo electrónico de contacto
  • Dispoñibilidade horaria nos meses de outubro, novembro e decembro de 2017
  • Título provisional
  • Sinopse (100 palabras máximo)
  • Motivacións para realizar o proxecto (300 palabras máximo)
  • Escoller, de entre os fragmentos de filmes aloxados na Zona de visionado1 (vidasmarineiras.gal/visionado), cal resulta de maior interese ao grupo, ben polo seu tema, pola forma na que se achega a este ou calquera outro motivo. Breve xustificación da escolla (50 palabras máximo).

Ademais da documentación escrita, cada grupo deberá achegar un vídeo sen editar de como máximo 1 minuto ou entre 3 e 5 fotografías que representen ou describan algún aspecto sobre o que se quere traballar no proxecto. Por exemplo, se un grupo quere realizar un retrato dunha mariñeira durante o seu labor cotián, o vídeo ou as fotografías poden ser un breve plano ou tomas da protagonista traballando, na casa, mirando a cámara, etc. Non é preciso que os vídeos ou fotografías sexan de calidade, nin formal nin técnica, unicamente deben servir ao comité avaliador para facerse unha idea máis precisa do traballo que quere realizar cada grupo. Recoméndase por tanto que se rexistren cun móbil ou calquera outro medio lixeiro que non requira de coñecementos técnicos avanzados.

5. MODO DE ENTREGA DA DOCUMENTACIÓN

O formulario de inscrición e o vídeo ou fotografías enviaranse por correo electrónico a info@vidasmarineiras.gal, facéndose constar no asunto CONCURSO DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS VIDAS MARIÑEIRAS.

6. PRAZO DE ENTREGA

Desde a convocatoria destas bases até o luns 9 de outubro ás 12:00. Non se admitiran proxectos recibidos con posterioridade.

7. SELECCIÓN DE PROXECTOS E RESOLUCIÓN

O mércores 11 de outubro publicaranse os proxectos seleccionados en vidasmarineiras.gal e informarase da resolución ao representante de cada grupo, por teléfono e/ou correo electrónico.

O comité avaliador, formado por membros do GALP Golfo Ártabro Norte e unha equipa técnica de ampla experiencia formativa no eido audiovisual, rexirase polas seguintes pautas para realizar a selección dos proxectos gañadores:

  • Entrega da documentación requirida
  • Viabilidade e orixinalidade da proposta
  • Adecuación do proxecto a un filme de aproximadamente 15 minutos de duración
  • Adecuación aos temas propostos.

1 O acceso á Zona de visionado require dun usuario e contrasinal que deberán ser solicitados por correo electrónico a info@vidasmarineiras.gal. Crearase un usuario e contrasinal para cada grupo inscrito.